Wednesday 08 de May de 2024

O Mesón do Vento preparará arredor de 2.500 quilos de lacón con grelos para a súa XXI festa


O domingo será o día grande desta celebración que contará tamén con mostras de razas autóctonas de gando, aves, maquinaria agrícola, artesanía, produtos do campo etc. Non faltará a música e o baile tradicional, folclóricos, degustacións gastronómicas, poxas de gando e probas cabalares

Esta fin de semana, 23 e 24 de febreiro, terá lugar a XXI Festa do Lacón con Grelos. Unha das principais celebracións do municipio de Ordes e na que cada ano se congregan milleiros de persoas para participar e disfrutar dun amplo e variado programa. Como non había ser doutro xeito o foco de atención está posto na mesa. Este ano serán arredor dunhos 2.500 quilos de lacón con grelos os que se preparán de cara ao domingo, día grande da festa.
O recinto feiral abrirá as súas portas ás 10 horas, espazo que albergará unha ampla mostra de gando e aves de raza autóctona, de produtos do campo, artesanía, maquinaria agrícola, ademais dunha feira medieval.

A todo isto o sábado sumaráselle unha degustación de carne de cachena nos establecementos da zona a partir das 12 horas. Xa pola tarde, concretamente ás 16.30 horas, dará comezo a proba de agility canina e unha hora máis tarde o IV Encontro folclórico coa participación das agrupacións Sementes da Arte, Camiño Real de Poulo, Asociación Folclórico Cultural Veciños de Leira e as Pandeireteiras de Ardevento.

Xa de cara ao domingo ademais da degustación do prato protagonista da xornada haberá tamén unha mostra de cetrería, xuntanza cabalar e exhibición de vehículos 4X4. A partir das 11.30 horas terá lugar a primeira poxa de gando, e as probas de andadura e trote que se sucederán ata a tarde. Ademais, ás 12.30 horas, arrancará o concurso morfolóxico pura raza galega de eguas e cabalos. A xincana e a carreira de burros previstas para as 18 e 18.30 horas respectivamente porán o broche final a esta festa.

A XXI Festa do Lacón con Grelos está organizada polo Concello de Ordes e conta coa colaboración de Africor Coruña.